Para conseguir recensións en Google hai que pedilas a todos os teus clientes, xusto despois da cita e cunha ligazón que abra directamente a xanela de escribir. Pedilas de palabra no mostrador case nunca acaba nunha recensión. Aquí tes como sacar esa ligazón, cando mandala e o que Google non permite.
Por que importan tanto as recensións de Google?
Porque son o primeiro que ve quen te busca no mapa: a nota, cantas opinións tes e a data da última. Entre dúas perruquerías á mesma distancia, a xente escolle a que ten máis opinións recentes. E as recensións viven na túa ficha de Google, que é túa, así que non as perdes se un día cambias de programa.
O problema é que case ninguén deixa unha recensión por iniciativa propia, aínda que saíse encantado. Hai que pedila, e pedila ben.
Cando hai que pedir a recensión?
O mesmo día da cita, cando o cliente aínda se mira o corte no espello do ascensor. Ao día seguinte xa volveu á súa vida, e á semana nin se lembra.
Un par de horas despois de rematar adoita ser bo momento: xa saíu, ten o móbil na man e a experiencia está fresca. Pedilo no mostrador mentres paga ten un problema práctico: dille que si, vaise e non volve pensar niso.
Como saco a ligazón directa para que me deixen unha recensión?
Desde o teu perfil de empresa en Google. Busca o nome do teu negocio en Google coa sesión da conta que o xestiona e, no panel do teu perfil, entra na opción de pedir recensións: dáche unha ligazón que abre directamente as estrelas para puntuar. Esa é a que hai que mandar, non o enderezo da túa ficha, porque obriga a buscar o botón.
Con esa ligazón podes facer tres cousas o mesmo día:
- Mandala por WhatsApp ou por correo despois de cada cita.
- Convertela nun código QR para o mostrador ou o espello.
- Poñela na sinatura do correo e na confirmación da cita.
Que non permite Google ao pedir recensións?
Dúas cousas que se fan moito. A política de contido de Google Maps (en castelán) non lles permite aos negocios desanimar ou prohibir as recensións negativas, nin pedir recensións positivas de forma selectiva. Tampouco ofrecer algo a cambio: si permite pedir opinións que reflictan unha experiencia real, sempre sen incentivos.
Na práctica quere dicir:
- Pídea a todos os teus clientes, non só aos que ves contentos.
- Nada de descontos, sorteos nin «un 10 % se nos deixas cinco estrelas».
- Nada de preguntar primeiro «que tal?» e mandar a Google só a quen contesta ben. Google considérao filtrar, e pode retirar as recensións.
As malas tamén teñen o seu sitio. Contesta cada unha con calma e con nome propio: quen le a túa ficha mira máis como respondes ca a nota en si.
Como o convirto en costume?
Automatizándoo, porque ao final dun día de traballo ninguén se lembra de mandar dez mensaxes. O que precisas é que, cada vez que unha cita se dá por rematada, saia soa a petición coa ligazón, unha soa vez por cita e sen insistir a quen xa opinou.
As recensións suman en Google xunto co que di a túa web: contámolo en que ten que poñer a web do teu negocio para saír en Google.
Pedir opinión con BookflowR
BookflowR pídelle a opinión ao cliente cando a súa cita remata, por correo, WhatsApp ou Telegram, e ofrécelle publicala en Google sexa cal sexa a súa nota, como pide Google. As opinións que che deixan pódense amosar na túa web, co permiso de cada cliente, e o cartel co QR para o mostrador sae do propio panel. Vai nos plans de pago, e podes probalo 30 días gratis.